Saturday 04 de May de 2024

O vicepresidente da Deputación informou no consello parroquial de Noicela-Rebordelos sobre o proxecto da vía de acceso á Pedra do Sal


Xosé Regueira anunciou que está previsto acometer este ano a mellora do firme e iniciar os trámites para a futura ampliación da vía

Atendendo unha petición da veciñanza, o concelleiro Xosé Regueira asistiu ao consello parroquial de Noicela-Rebordelos en calidade de vicepresidente da Deputación da Coruña para informar sobre as xestións para a mellora da vía de acceso á Pedra do Sal, que é prioridade das dúas parroquias.
Regueira repasou as xestións realizadas ata o momento e anunciou que para este ano está previsto acometer, dentro do plan de conservación da rede viaria provincial, a mellora do firme. Esta actuación podería ser máis ampla sempre e cando as persoas titulares dos terreos realizasen as cesións necesarias, pero dado que esta opción quedou desbotada tras numerosos intentos que non frutificaron, por parte da Deputación e do Concello de Carballo existe a determinación de expropiar o solo. O vicepresidente provincial apuntou que o proceso leva o seu tempo e que, como moi pronto, os trámites para a ampliación da estrada e a mellora da seguridade peonil mediante a construción dunha senda poderían empezar cara finais de ano, polo que, no mellor dos escenarios posibles, a vía podería estar en obras no 2025.

A veciñanza agradeceu as explicacións, e tanto Xosé Regueira coma o alcalde, Evencio Ferrero, reiteraron a coincidencia coa veciñanza na necesidade da obra.

No primeiro consello parroquial do 2024, a poboación das parroquias de Noicela e Rebordelos presentou unha listaxe de cuestións compartidas, coma o interese polo proceso para o desenvolvemento do plan especial da Pedra do Sal, aprobado xa definitivamente, ou a situación do proxecto de extensión do ciclo integral da auga que se comprometeu a elaborar Augas de Galicia e do que aínda non hai novas.

Tras a exposición das preocupacións comúns, entre as que tamén figuran outras melloras viarias, puxéronse sobre a mesa as peticións propias de cada parroquia. Entre outras, en Noicela a veciñanza continúa coas xestións para intentar conseguir un terreo para habilitar un aparcadoiro na contorna da igrexa, co sistema de financiamento ao 50% entre os/as veciños/as e o concello. Nesta xuntanza concretouse o emprazamento para un parque infantil en Imende e solicitouse a mellora do existente no Rapadoiro. En Rebordelos tamén se apuntaron algunhas necesidades relacionadas, sobre todo, coa rede viaria.